CRTVG

Buscar

Increméntase a protección fronte ao virus do papiloma e o meningococo C

Publicado o 22/06/2019 14:26


Esta xornada de formación para profesionais sanitarios está asociada a campañas de comunicación a través das cales se incide na importancia da vacinación.

Entre as novidades tratadas está a do cambio na vacina do papiloma, que se administra ás nenas aos 12 anos e que protexe fronte a dous virus... A partir de mediados de xullo, esa vacina substituirase por outra que aumenta a protección fronte a 9 virus (7 oncoxénicos e 2 responsables das verrugas xenitais).

"Imos cambiar a vacina por unha de ampla cobertura, unha nonavalente, que vai incrementar a cobertura un 10% fronte a un virus que ten implicacións oncolóxicas de futuro", dixo Jesús Vázquez Alumíña, Conselleiro de Sanidade.

A Consellería de Sanidade tamén anunciou melloras nos grupos de risco... Amplíase ata os 45 anos a indicación de vacinación fronte ao virus do papiloma das persoas seropositivas e en homes que practican sexo con homes.
Outra das novidades é a substitución da vacina monovalente fronte ao meningococo C dos 12 anos, por outra que protexe fronte a catro serogrupos. (E amplíase a vacinación á poboación adolescente desde os 13 ata os 18 anos).

"Facemos a ampliación dos serogrupos de meningococo C para serotipos que comezan a ser máis prevalentes en Europa. En Galicia non se ven aínda eses niveis de incremento, pero mirando ao futuro facemos unha cobertura superior", asegurou o Conselleiro de Sanidade.

Segundo a Xunta, as coberturas de vacinación infantil en Galicia consolídanse e sitúanse entre as máis altas do Estado.
 

Noticias web

22/06/2019