Cociñeiros de renome dan a súa receita para levantar un negocio de hostalaria
A gastronomía non é só comer. É moito máis ou así pensan cando menos un grupo de empresarios que crearon unha asociación para axudar a que unha idea empresarial se converta nun negocio de éxito.
"Incitus é unha iniciativa totalmente privada, sen ánimo de lucro que nace en Galicia, pero que é pioneira no ámbito nacional porque é a única que nós saibamos que acompaña os negocios dende un momento moi inicial ata que abren e incluso no seu primeiro ano de funcionamento" comentou Orlando Cotado, Presidente da Asociación Movemento Incitus.
Das ideas de negocio que reciben seleccionan cinco proxectos cos que traballan para avaliar a súa viabilidade.
"Traballamos con eles durante tres meses e logo ofrecémoslles estes talleres, son abertos, e logo acabamos nunha gala final onde seleccionamos o proxecto máis creativo, o máis innovador e o que máis viabilidade e percorrido poida ter" continúa Orlando Cotado.
No taller que se celebrou esta mañá en Santiago participaron Pepe Solla, Javier Olleros e o Top Chef Manuel Núñez. Dialogaron sobre a súa experiencia empresarial e sobre a visión que teñen do negocio máis alá dos fogóns.
"A verdade que é un proxecto bonito, sobre todo é intentar axudar a xente despois do que nós vivimos pois me parece fundamental" comentan Pepe Solla, ao igual que Javier Olleros para quen "Contar experiencias é vital e eu creo que falemos que compartamos eu creo que sempre é interesante para quen escoita, é o que precisamos, falar"
A gala final Incitus será o vindeiro 6 de maio na Coruña.