Incidentes na concentración de Vox contra o etarra Parot
Vítimas do terrorismo e partidos políticos como PP, Vox e Ciudadanos mobilizáronse este sábado en diferentes puntos de España para condenar as homenaxes a presos etarras e as concentracións de apoio a Henri Parot. Na localidade guipuscoana de Mondragón rexistráronse algúns incidentes. Unha persoa allea ás marchas quedou ferida.
En Mondragón coincidiron ata catro concentracións. A primeira convocouna o Partido Popular do País Vasco e celebrouse diante do zulo onde a banda terrorista mantivo secuestrado durante 532 días a José Antonio Ortega Lara. Os asistentes lembraron as vítimas e acusaron o Goberno de branquear os herdeiros da banda terrorista. "Eu dígovos que Parot, coma outros da súa especie son individuos dignos de estar representados na cámara do terror de calquera museo de cera", asegurou Carlos Iturgaiz.
Noutra protesta, a plataforma de apoio aos presos, SARE, pediu a derrogación da lei que establece o cumprimento íntegro das penas e que consideran unha cadea perpetua encuberta. "Queremos facer un chamamento tanto aos medios, aos axentes políticos, institucionais, culturais para que non sucumban aos intereses duns poucos", declarou a voceira da organización.
Os incidentes rexistráronse noutras dúas concentracións. Unha encabezada por Vox, que contou coa presenza de colectivos de vítimas, e outra convocada por colectivos antifascistas. As provocacións e os insultos obrigaron a intervir a ertzaintza. Un home, alleo aos incidentes, resultou ferido
Ademais destes actos, a Asociación de Vítimas do Terrorismo celebrou concentracións nas cidades en que houbo atentados de Henri Parot. Á de Madrid asistiron representantes do PP e de Ciudadanos. Tamén houbo homenaxes ás vítimas en San Sebastián, Granada e Zaragoza.