CRTVG

Buscar

O sector das autoescolas demanda un protocolo para as clases e de datas para os exames

Publicado o 13/05/2020 13:39

O sector das autoescolas vive con incerteza as semanas previas á súa reapertura, que se prevé para o vindeiro 25 de maio. A día de hoxe, seguen sen saber cal será o protocolo de actuación que se deberá aplicar nas aulas e nos vehículos, e tampouco teñen constancia de cando se retomarán os exames para obter o permiso de condución.

Adrián Morado, profesor de autoescola: "Creo que estamos suficientemente preparados para esta nova etapa. Os alumnos están todos os días chamando e nas aulas virtuais están preguntando polas datas dos exames. Cando o Ministerio de Sanidade levante, a partir de aí a DXT xa dixo que ía moverse o mái rápido posible nas xefaturas provinciais e axilizar os exames".

Marcos Castro, profesor de autoescola: "Sabemos que a partir do 25 nós podemos empezar a actividade e sabemos que vai haber os exames teóricos, pero a incerteza que temos é se vai haber exames prácticos".

Durante estes dous meses de peche, as autoescolas tiveron que facer uso das aulas virtuais para continuar coa formación dos alumnos. Ante o seu éxito, están considerando compaxinalas coas aulas físicas.

Adrián Morado, profesor de autoescola: "A aula virtual vemos que cada vez gusta máis. De feito, nós incluso tivemos matrículas nesta época. É máis, estamos vendo que imos manter a aula virtual, sobre todo para a xente que ten difícil vir á autoescola".

Mentres agardan para saber como se vai calcular a capacidade para acoller os alumnos nas clases, dende as autoescolas sinalan que tomarán todas as precaucións necesarias.

Noticias web

13/05/2020