CRTVG

Buscar

As autoridades chilenas non desbotan a intencionalidade nos incendios que asolan Valparaíso

Publicado o 26/12/2019 08:23

As entre 120 e 150 vivendas que quedaron totalmente calcinadas están nos chamados cerros de Rocuant e San Roque.

Nin veciños nin bombeiros conseguiron atallar o lume a pesar do gran despregamento de medios, que incluíu catro avións e catro helicópteros.

Procedían de varias cidades da rexión de Valparaíso, na costa chilena.

Segundo as primeiras conclusións das autoridades o incendio empezou en dous lugares diferentes ao mesmo tempo e as lapas foron avanzando por terreo forestal ata xuntarse na zona poboada.

Aínda non está totalmente apagado e xa abrangueu máis de 100 hectáreas de arboreda, pasto e broza.

Polo menos, de momento, non se sabe de vítimas mortais.

O que sí hai, á parte das persoas que perderon a vivenda, é arredor de 90.000 efectados por cortes de enerxía.

Case 3.000 seguen sen luz.

As autoridades non desbotan que o incendio fose intencionado.

A primeiros de outubro o Goberno chileno anunciara un plan especial de prevención de incendios forestais, dotado cuns 150 millóns de euros, ante a chegada do verán austral e no contexto da peor seca dos últimos sesenta anos.

Nos últimos cinco, Chile padeceu un promedio de 6.500 incendios por temporada cunha superficie queimada 177.000 hectáreas.

Valparaíso estaba considerada como a rexión en situación máis crítica.

 

Noticias web

26/12/2019