CRTVG

Buscar

Incendio nunha terraza da Coruña por mor dun fallo eléctrico nun frigorífico

Publicado o 11/06/2021 15:11

Catro veciños dun inmoble do barrio coruñés do Castrllón tiveron que ser atendidos no CHUAC a causa dun incendio. O lume orixinouse nunha terraza interior por mor, supostamente, a un fallo eléctrico nun frigorífico.

"Houbo unha explosión e xa vin saír as lapas. Collín a mangueira porque as lapas viñan para o meu lado e botei vinte minutos ou media hora", explica un veciño.

Cos nervios no corpo, os veciños vían como as lapas chegaban xa ao segundo andar, así que mentres uns axudaron a sufocalas, outros alertaban os bombeiros.

"Eu saquei os extintores que teño aquí e tamén o veciño do cuarto. Entre os dous intentamos arrefriar un pouco a zona", comenta un veciño.

Neses intres, o pánico apoderouse dos veciños que moitos saíron das súas casas coa intención de se poñeren a salvo. Porén por mor da intesa fumareda que invadíu as escaleiras, catro veciños foron atendidos na rúa e outros catro evacuáronos ao CHUAC.

Os bombeiros explican que o incendio non foi grave, pero din que o perigoso foi que os veciños saísen das súas vivendas. Dúas horas despois, todos os veciños puideron regresar aos seus fogares e os hospitalizados xa recibiron a alta médica.

Noticias web

11/06/2021