CRTVG

Buscar

Un incendio de gran magnitude destrúe un taller de despezamento en Nigrán

Publicado o 18/09/2019 18:22

O negocio de despezamento de vehículos en Nigrán quedou calcinado tras o voraz incendio que se declarou de madrugada. Polo menos a metade dos douscentos coches almacenados quedaron afectados. O propietario cre que puido ser intencionado.

A rápida actuación do GES do Val Miñor evitou que as lapas danasen tamén un instituto lindeiro. Os bombeiros do Porriño cubriron a beira da estrada xeral e mesmo os bombeiros de Vigo axudaron na subministración de auga, xa que se chegaron a empregar 17.000 litros. En total, os servizos de emerxencias tardaron 3 horas en sufocar o incendio e en arrefriar a zona.

A Garda Civil investiga os feitos, que poderían estar relacionados coa aparición recente de tres asaltantes no mesmo negocio. Eses descoñecidos, supostamente, pretendían roubar pezas dos coches e, na súa fuxida, deixaron atrás unha bolsa con ferramentas e varias pezas de roupa.

O recinto está precintado mentres duren as investigacións. Cando rematen as pescudas, coñecerase con detalle o alcance do incendio.

Noticias web

18/09/2019