CRTVG

Buscar

Atopan dous cadáveres tras o incendio dunha nave industrial en Badalona

Publicado o 10/12/2020 08:18

Polo de agora localizáronse dous cadáveres, pero nesta altura non se sabe se había máis xente dentro desta gran nave industrial abandonada de Badalona en que vivían, segundo o concello, cen ou 150 persoas. A maioría, parece ser, migrantes subsaharianos.

Este virulento incendio comezou cara ás nove da noite, e o lume propagouse rapidamente polo interior do edificio. Para fuxiren das lapas, algúns saltaron polas fiestras e outros refuxiáronse na terraza, de onde foron rescatados. Os servizos sanitarios atenderon preto dunha vintena de feridos, dous deles permanecen en estado crítico. As lapas afectaron dous edificios e o risco de derrubamento é importante.

Os veciños din que este espazo levaba ocupado arredor dunha década, e hai distintas versións do que puido pasar.

Os Mossos son os encargados de investigar a orixe deste incendio, cualificado xa como demoledor e unha traxedia polas autoridades, e de investigar se foi provocado ou fortuito. O amplo dispostivo despregado no lugar consta dunha vintena de dotacións policiais, dezaseis unidades médicas de emerxencias e unha trintena de dotacións de bombeiros.

Noticias web

10/12/2020