CRTVG

Buscar

Incáutanse dunha tonelada de sardiñas descargadas por unha planadora en Cee

Publicado o 13/06/2020 14:06
Incáutanse dunha tonelada de sardiñas descargadas por unha planadora en Cee

Axentes do Servizo Marítimo da Garda Civil incautáronse esta madrugada dun total de 1.005 kg de sardiña, que fora descargada por unha embarcación no molle de Cee eludindo todas as canles legais de comercialización e trazabilidade establecidas pola normativa vixente.

Pouco despois da unha da mañá, os membros da benemérita detectaron en augas da enseada de Corcubión unha planadora sen ningún tipo de alumeado de sinalización. En pouco minutos comprobaron como a referida embarcación volvía de novo á ría con dirección ao porto de Cee con caixas de cor verde a bordo. A rápida intervención das forzas de seguridade permitiu comprobar como se depositaron as 64 caixas con sardiña na rampla da depuradora. 

A pesar do recoñecemento que se fixo en toda a zona e nos accesos, non foi posible atopar os responsables da descarga, que probablemente -ante a presenza da Garda Civil- preferiron abondonar a carga e, en consecuencia, evitar a posible sanción que lles puidese caer. Continúan as investigacións para descubrir a identidade dos responsables.