Comisadas propiedades forestais dos narcos galegos para branquear cartos
A Axencia Tributaria logrou desartellar unha rede que branqueaba cartos procedentes do narcotráfico no sector agroforestal. É a primeira vez que se detecta esta actividade ilícita en Galicia, onde o minifundio xoga en prol dos delincuentes. Un laborioso traballo dos axentes de aduanas, que puidemos coñecer de preto, dá por pechada a segunda fase desta operación Zebra.
Así traballan os equipos de Vixilancia Aduaneira para localizar as plantacións, como as que tiña esta rede para branquear bens do narcotráfico. É a primeira vez que se detecta en Galicia un volume relevante de investimentos no sector agroforestal con fondos que presumiblemente proveñen desta actividade ilícita. O minifundio galego xogou no seu favor.
Máis de 110 hectáreas de terreo na Coruña e Lugo destinadas á plantación de piñeiro e eucalipto, que ademais acadan altas expectativas de revalorización para os narcotraficantes.
Estiman que a rede puido branquear un total de 3 millóns de euros entre os terreos forestais e outros investimentos no sector funerario e en pólizas de vida. Péchase así a segunda parte da operación Zebra, que continúa aberta nunha terceira fase.