Inaugúrase con éxito a Ruta dos Mosteiros cos trens turísticos de Galicia
Os trens turísticos de Galicia estrearon este domingo a súa ruta de mosteiros cun cen por cento de ocupación. Nun combinado de tren e autobús, a viaxe leva os visitantes por dous mosteiros e outros lugares de interese cultural das provincias de Pontevedra e Ourense.
Partiron de Santiago en tren ás nove menos cuarto da mañá. Nós atopámolos no mosteiro de Carboeiro, en Silleda.
Son o primeiro grupo da ruta de mosteiros dos trens turísticos de Galicia. Veñen xa de visitar o pazo de Oca e os seus xardíns.
A ruta lévaos tamén ao mosteiro de Oseira, en San Cristovo de Cea, en Ourense; e á igrexa de Vera Cruz, no Carballiño. A última parada é o balneario de Caldas de Partovia, tamén no Carballiño, onde dispoñen de hora e media de lecer, antes de volver ao tren para regresar a Compostela. Unha excursión de trece horas.
A ruta arrancou cun cen por cento de ocupación. Queda outra saída de mosteiros este ano que tamén se espera chea, pero a inicicativa segue adiante.
Os trens turísticos de Galicia ofrecen con este doce itinerarios. Tocan as catro provincias e funcionan entre a primavera e o outono. Hai en total de 56 saídas, sempre en fin de semana. Faros, pazos, xardíns e gastronomía son algunhas das ofertas destas excursións sobre raís.