Inauguran un monólito do Camiño de Santiago en Bos Aires
Bos Aires foi durante moitísimas décadas a cidade do mundo con máis galegos. Un legado histórico que agora o Goberno porteño quere homenaxear coa instalación dun monólito do camiño de Santiago.
A Arxentina e Galicia seguen unindo os seus camiños. Este é o sentimento que se respirou na inauguración dun monólito do Camiño de Santiago en Bos Aires, despois de que o Goberno municipal aprobase a doazón deste monumento por parte da Xunta de Galicia.
Cecilia Ferrero, deputada da Cidade de Bos Aires, aseguraba: "Bos Aires non se explica sen Galicia, así como Galicia non se entende sen Bos Aires. Miña nai é galega, así que para min é dobremente sentida esta homenaxe e recibir esta doazón".
A instalación deste monólito chega xusto antes do ano Xacobeo, e a súa localización tampouco é casual. Un espazo moi próximo ao Hotel de Inmigrantes, por onde chegaron centos de miles de españois, galegos e galegas, que hoxe eles mesmos e os seus descendentes poblan na Arxentina, como explicou Alejandro López Dobarro, delegado da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo.
Ademais de Bos Aires, a Xunta de Galicia instalará outros fitos do Camiño de Santiago nas cidades de Mar del Plata, na Arxentina, e na de Montevideo, no Uruguai.