CRTVG

Buscar

Inauguran o mirador do Empire State deseñado por un arquitecto galego

Publicado o 27/11/2019 13:37

Inaugurouse en Nova York a última fase da renovación do Empire State Building, deseñada polo arquitecto de orixe ourensá Jorge Martínez. É o mirador da planta número 80, desde a que se pode ver toda a cidade. Jorge Martínez di que na súa obra hai inspiración galega.

A planta 80 é o primeiro miradoiro do Empire State, onde os visitantes teñen que cambiar de ascensor para subir ata a terraza. A súa apertura forma parte do proxecto que reconvirte en museo varias plantas do emblemático rañaceos neoiorquino. A remodelación é obra do arquitecto de orixe galega Jorge Martínez.

"Isto dá a oportunidade de coñecer a cidade, que é máis que coñecer o edificio. Hai vistas nas que se pode aprender máis da cidade que se está visitando. Pódese apreciar a vida cotiá de Nova York Nestas pantallas pódense explorar diferentes fotos que o público subiu ás redes sociais. Por estes binoculares tan icónicos vense vistas como a da Estatua da Liberdade, que son videos animados", explica Jorge Matíneza, o aquitecto e deseñador museístico.

Fillo de emigrantes ourensáns, pasou moitos veráns en Celanova e asegura que se inspira moito na arquitectura galega.

"Dáme moito orgullo poñerlle un toque galego a un icónico lugar como é o Empire State. Xa empezamos a falar dun museo do emigrante en Ourense. A ver se se pode facer algo alí, algo que conte a historia do galego en Nova York e noutras partes do mundo".

Jorge Martínez, que tamén participou no deseño do museo do Work Trade Center, onde estaban as Torres Xemelgas, di que estaría encantado de aplicar en Galicia a experiencia adquirida en Nova York.

Noticias web

27/11/2019