CRTVG

Buscar

Illa, sobre o avance á fase 1: "Cadaquén ten que ser responsable do que propón"

Publicado o 07/05/2020 23:08

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, asegurou que o Goberno e as comunidades teñen que actuar con responsabilidade ao avanzar na desescalada e advertiu de que "o que propón ten que ser responsable do que propón" ao referirse ás iniciativas expostas de pasar á fase 1.

Na súa sétima comparecencia perante a comisión de Sanidade para informar do coronavirus, Illa explicou que todas as comunidades presentaron as súas propostas de dar este paso de forma total ou parcial. 

 A Comunidad de Madrid foi a última en presentar o documento onde argumenta os motivos polos que solicita pasar á fase 1 da desescalada o próximo 11 de maio, confirmaron fontes do Goberno rexional. Finalmente presentárono pasadas as dez da noite e tras coñecerse a dimisión da directora xeral de Saúde Pública da Comunidad de Madrid, Yolanda Fuentes, que tivo lugar un día despois de que o Goberno rexional decidise facer esta petición ao Ministerio de Sanidade

Madrid pide pasar á fase 1, tal e como se soubo avanzada a tarde de onte e tras opinións enfrontadas entre a presidenta, Isabel Díaz  Ayuso, e o seu vicepresidente, Ignacio Aguado.  

Foron varias as comunidades que criticaron esta proposta. Unha delas foi a do vicepresidente de Castela e León,  Francico  Igea, quen afirmou que "nunca" na súa vida política pensou que ía dicir isto" e que "Torra foi máis sensato".

E é que en Cataluña prefiriron manter a maioría do seu territorio na fase 0, incluída Barcelona e a súa área metropolitana. Así mesmo, só solicitaron un avance de fase para tres áreas. 

O presidente valenciano, Ximo Puig, tras ser preguntado por esta cuestión, apelou á responsabilidade dos gobernos autonómicos porque a pandemia "aínda non pasou" e porque "isto non é unha carreira de acelerar sen máis". Tamén agarda que Sanidade actúe "con coherencia" á hora de avaliar as propostas e indicadores. Esta é unha tarefa que Illa continuará levando a cabo esta tarde cos expertos. Ademais xa está a manter reunións bilaterais con representantes de seis comunidades, e entre elas Madrid.

A decisión sobre o cambio de fase, tomarase de maneira conxunta cos responsables do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, a Dirección de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade e os responsables de Saúde Publica das comunidades autónomas. Así o indicou Illa.

Para o cambio de fase é requisito imprescindible para a toma en consideración da proposta, entre outros, dispoñer ou ter acceso ou capacidade de instalar, nun prazo máximo de cinco días, entre 1,5 e 2 camas de coidados intensivos e entre 37 e 40 camas para enfermos agudos por cada 10.000 habitantes.

Será na fin de semana cando as comunidades coñezan a resolución. O ministro de Sanidade tamén afirmou que non ían deixar a "ningúen con síntomas sen diagnosticar" e que "en España van realizar probas  diagnósticas para a detección da COVID-19 a todos os casos sospeitosos, con calquera tipo de sintomatoloxía, incluídos os leves". Illa avanzou que son xa máis de 46.700 as persoas que participaron na primeira das tres ondas previstas para o estudo de seroprevalencia que se iniciou a semana pasada.

Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas Sanitarias xa adiantara que "é unha decisión que ten que tomar o ministro de Sanidade de acordo coa comunidade autónoma, previa discusión con outros sectores e previo informe técnico. Haberá un informe técnico específico para cada unha das comunidades autónomas onde se indicarán os criterios que cumpre e a avaliación conxunta dos mesmos".