CRTVG

Buscar

Illa non aceptaría o apoio de Vox

Publicado o 09/02/2021 20:36

Salvador Illa garante que, se gaña as eleccións do domingo, se presentará á investidura aínda que non teña apoios abondo, a diferenza do que fixo Inés Arrimadas en 2017. Iso si, o candidato socialista di que, en ningún caso, negociará con VOX: "Non teño nada que falar con esta xente, nada, estou nos antípodas políticos deles, e non sustentarei ningún goberno que descanse en nada que poidan ofrecer, iso non o farei".

E despois de que Esquerra abrira a porta a gobernar en solitario, este martes foi Laura Borrás quen dixo que Junts tamén preferiría un executivo só antes que desunido. A diferenza dos republicanos, o partido de Puigdemont está disposto a repetir a estratexia de 2017 se suman máis da metade dos votos.

Laura Borràs di que "nós estamos a favor de avanzar, de facelo con firmeza, de facelo coa fórmula do 1 de outubro, que para nós é a fórmula do éxito, e por tanto para traballar unidos".

Desde Tarragona, Pablo Casado afeoulle a Pablo Iglesias que dixera que en España non había normalidade democrática: "Se o vicepresidente do Goberno de España non rectifica as súas acusacións de que España é unha ditadura e hai presos políticos, Sánchez debe cesar hoxe mesmo a Pablo Iglesias. E se non, é cómplice e responsable do que está dicindo o señor Iglesias".

O líder de VOX, Santiago Abascal, acusou a Generalitat de instigar as protestas que se están sucedendo nos seus mitins. A voceira do Goberno catalán responde que é VOX quen está provocando os incidentes ao desoír as recomendacións das forzas de seguridade.

Noticias web

09/02/2021