CRTVG

Buscar

Illa di que a evolución da epidemia fixará as datas electorais en Galicia e Euskadi

Publicado o 24/04/2020 17:24

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, dixo este venres que "oxalá" se poidan celebrar as eleccións autonómicas pospostas no País Vasco e Galicia, aínda que será a situación da epidemia do coronavirus a que fixe as datas para que se poidan facer con total garantía. Asegurouno Illa na conferencia de prensa que ofreceu xunto á portavoz do Goberno, María Jesús Montero, tras o Consello de Ministros extraordinario cando lle preguntaron por este asunto.

"Oxalá se poidan celebrar as eleccións no País Vasco e Galicia, que se pospuxeron, e será a situación da epidemia" a que fixará a data para que se poidan celebrar con total garantía, indicou o ministro.

O lehendakari, Iñigo Urkullu, avanzou hoxe a posibilidade de que as eleccións ao Parlamento Vasco que estaban previstas para o 5 de abril, aprazadas pola crise da COVID-19, se celebren o próximo mes de xullo. Pola súa parte, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou que os comicios autonómicos "non forman parte da axenda" do Goberno galego e insistiu en que dependen de dous factores: a situación do estado de alarma decretada polo Goberno e a evolución da pandemia do coronavirus.

Illa tamén se referiu á reunión que xunto á vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribeira, terá coas comunidades autónomas para tratar as medidas cara á desescalada. No encontro, abordaranse os criterios e marcadores que teñen que fixar o marco para pasar a unha nova fase como a capacidade asistencial, os criterios de vixilancia epidemiolóxica, todos os mecanismos de detección precoz de casos e as medidas de proxección colectiva para evitar novos contagios.

"O Goberno vai compartir estes criterios coas comunidades e escoitará as suxerencias e comentarios respecto diso, e en base a estes criterios e, baixo a dirección do Goberno, imos empezar a traballar en como afrontar esta fase de transición", afirmou o ministro.

Así, insistiu en que as autonomías terán un papel "moi importante" nesta fase "complexa", pero vai ser o Executivo o que a dirixa. Abundou en que durante esa próxima etapa, terase en consideración a distinta situación epidemiolóxica dos distintos territorios do país, co que será un proceso "asimétrico", tal e como xa avanzou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Estimou bo que as administracións e as empresas fagan as súas achegas para adaptarse á normalidade á que nos encamiñamos, pero afirmou que vai ser o Goberno o que, en colaboración coas CCAA, fixe o marco. Eludiu responder cal será a primeira ou a última comunidade xa que será en función da situación epidemiolóxica de cada territorio, das súas capacidades asistenciais, da seguridade de que se poden tomar certas garantías e de que non se vai a producir un segundo brote.

Noticias web

24/04/2020