CRTVG

Buscar

Iker Sertucha: "Hai que romper as barreiras mentais que existen cara as persoas xordas"

Publicado o 26/09/2019 12:34

Esta é a semana das persoas xordas e hoxe tamén é o Día das Linguas, por iso visitou o estudio do Bos días Iker Sertucha, presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG). 

"Aínda falta traballo. É verdade que co paso do tempo melloramos moitísimo e temos moitos máis recursos, pero aínda non está ao cen por cento. Non todos somos iguais, cada persoa ten necesidades distintas e temos que procurar cubrilas todas", asegura Iker Sertucha.

Sobre a propia lingua de signos, o presidente da FAXPG explica que "a lingua de signos para nós é un idioma imprescindible e grazas a ela podemos acceder a calquera tipo de información. É a nosa autonomía, a nosa independencia. E por outra banda a lingua de signos favorece o desenvolvemento cognitivo". Ademais, aclara que "a lingua de signos non é universal. Cada país ten a súa e está asociada á súa cultura. En España, cando falamos de lingua de signos atopamos dúas linguas: a lingua de signos española e a catalá".

En canto á cantidade de persoas xordas en Galicia, Iker Sertucha di que "en Galicia hai 24.000 persoas que teñen o certificado de discapacidade recoñecido, pero o Instituto Nacional de Estatística estima en 80.000 persoas".

"Ao falar de colectivo estamos a referirnos ás persoas xordas, pero tamén está a comundade, que sería todo aquel que apoia as necesidades: familia, profesionais, persoas que queren aprender a lingua...".

"No eido laboral as persoas xordas sofren unha dobre discriminación e dobre dificultade. Aínda queda o traballo de romper as barreiras mentais, esa reticencia que ten o empresario a contratar unha persoa xorda". 

Noticias web

26/09/2019