CRTVG

Buscar

Iglesias seguirá como líder de Podemos "o tempo que toque" e como interlocutor de Sánchez

Publicado o 31/03/2021 11:21
Iglesias seguirá como líder de Podemos "o tempo que toque" e como interlocutor de Sánchez

O exvicepresidente do Goberno e futuro candidato ás eleccións á Comunidade de Madrid, Pablo Iglesias, remarcou que seguirá como secretario xeral do Podemos "o tempo que toque" e continuará mantendo interlocución co seu homólogo no PSOE e xefe do Executivo, Pedro Sánchez, aínda que o diálogo a nivel do Executivo recaerá na vicepresidenta terceira, Yolanda Díaz.   

Ademais, detallou que Unidas Podemos entra nunha fase de "liderados colectivos" cunha "coralidade" que lle vai a "sentar moi ben" ao seu espazo político, fronte á etapa máis personalista que encarnou el ata a data.   

Concretamente, Iglesias destacou que teceu no seu paso no Goberno unha "confianza especial" con Sánchez e unha relación de aprecio que pode servir para resolver determinadas situacións políticas, aínda que especificou que hai "liderados claros" de Unidas Podemos dentro do Goberno que "non van permitir" que se mova "nin unha coma" do acordo de coalición. 

Especificamente subliñou que o liderado "estatal" e dentro do Executivo ostentarao a vicepresidenta terceira e ministra de Traballo, Yolanda Díaz.   

"Construíuse un liderado colectivo. Son o secretario xeral de Podemos, pero temos unha vicepresidenta, varios ministros, e vaille sentar moi ben ao espazo unha coralidade que nos vai facer moito máis fortes e máis competitivos a nivel electoral", explicou en declaracións á Cadena Ser. 

Ao preguntarlle sobre se antes había unha fase máis personalista, o exvicepresidente respondeu afirmativamente, para engadir que ese factor, no pasado, foi "condición de posibilidade" para "moitos avances" na formación política, aínda que xa chegou o momento de emprender estes cambios que xeran "enorme ilusión" por medio do equipo encabezado por Díaz xunto ás ministras Irene Montero e Ione Belarra.

Pablo Iglesias asegurou que tras o 4 de maio estará onde lle digan os seus compañeiros; "se teño que estar a facer oposición na Asemblea estarei", aínda que evitou situarse nese escenario e si no de gobernar a Comunidade.