CRTVG

Buscar

Iglesias admite que o vindeiro martes será o seu último Consello de Ministros

Publicado o 23/03/2021 20:51

O vicepresidente segundo do Goberno e líder de Unidas Podemos Pablo Iglesias confirmou que o vindeiro martes "probablemente" asistirá ao seu último Consello de Ministros, para despois renunciar ao seu posto no Executivo e poder presentarse ás eleccións autonómicas de Madrid.

Díxoo nos corredores do Senado respecto á limitación que establece a Lei Electoral da Comunidade de Madrid, que impide elixir nos comicios autonómicos os membros do Goberno que sigan no cargo antes de rexistrar as súas candidaturas, neste caso antes do 31 de marzo.

Non concretou con todo o vicepresidente cando renunciará exactamente ao seu posto no Goberno de coalición, pero si asegurou que o do martes que vén "probablemente" será o último consello para el, nunha breve conversa cos xornalistas ao saír da Cámara Alta.

Os servizos xurídicos de Unidas Podemos estudaron con detemento os aspectos da normativa electoral madrileña para avaliar o alcance dos artigos que especifican quen son "inelixibles" para formar parte da Asemblea de Madrid, na que Iglesias quere entrar como cabeza de lxsta de Unidas Podemos. 

A precampaña, no Senado

O clima de precampaña anticipábao o senador de Ciudadanos Tomás Marcos na súa pregunta a Pablo Iglesias: "probablemente na súa quenda conteste o que vostede queira porque xa vive noutro proxecto". Na que puido ser a súa derradeira intervención como vicepresidente na cámara alta, Iglesias lanzaba este prognóstico sobre o partido laranxa: "Señoría, lamento que a súa formación política vaia desaparecer e que o legado que vaia deixar sexa soster o partido poítico máis corrupto de Europa e abrirlle as portas das institucións á ultradereita".

Os senadores populares criticaron as supostas discriminacións a Madrid nas axudas pola pandemia ou nas infraestruturas de transportes. María Paloma Adrados, do PP, cre que "a obsesión que teñen co goberno da Comunidade de Madrid, especialmente con Isabel Díaz Ayuso, raia case o enfermizo". A vicepresidenta Calviño lamentaba que o PP alimentara a confrontación entre comunidades autónomas: "Paréceme de aurora boreal que o Partido Popular, que se supón que é un partido nacional, estea favorecendo este conflito entre as rexións de España".

O ambiente preelectoral aflorou tamén cando unha senadora popular, Ana Camins, lle mandaba a Iglesias esta mensaxe a través da ministra de Igualdade: "Dígalle tamén que cada insulto que lle dedique á señora Ayuso o colgaremos na lapela como unha medalla, porque estamos moi orgullosos dunha muller que chegou a ser presidenta da Comunidade de Madrid polos seus propios méritos e non por ser a muller de absolutamente ninguén". Montero respondíalle que "a súa insistencia planificada en vilipendiar, humillar, cuestionar as mulleres feministas que fan política, en escrutar a nosa vida privada, é violencia política contra as mulleres".

Noticias web

23/03/2021