CRTVG

Buscar

Bos días

Identifican unha cuarta persoa que estaba no piso na suposta agresión dos tres xogadores do Arandina

Publicado o 05/01/2018 09:13

As testemuñas apoian a denuncia da menor contra os tres xogadores da Arandina. A psicóloga que a atendeu declara que a versión da vítima é perfectamente crible.

O material audiovisual presentado por dúas amigas da vítima, tamén menores, cambiaron o curso da investigación. Novas probas que amosaban unha cuarta persoa no lugar da suposta agresión.

Trátase doutro xogador da Arandina. O mozo decidiu comparecer voluntariamente ante o xulgado e asegurou que nin participou nin foi testemuña de ningunha acción contra a liberdade sexual da rapaza.

Precisamente a vítima estaba citada a declarar no xulgado de Aranda do Duero. Aínda que nun primeiro momento non figuraba na listaxe da xornada, a maxistrada que leva o caso decidiu incorporala para resolver as dúbidas que deixan os novos testemuños e probas.

Unha delas, saber se a menor é a autora do vídeo da noite da presunta agresión e duns audios que supostamente compartiu nunha rede social con outras mozas. A súa declaración foi só ante o xuíz, polo que non trascenderon datos.

Tamén prestaron declaración o pai da vítima, un tío, unha curmá da nai e a súa psicóloga, quen acreditou a veracidade do testemuño da menor, ao que só tivo acceso a xuíza.

Bos días

05/01/2018