Identifican por segunda vez a un home de Folgoso do Courel que tentaba vender lotaría falsificada
As rúas de Becerreá volveron ser o escenario da identificación dun veciño de Folgoso do Courel como suposto autor da venda de boletos de lotaría falsificados.
Cando os axentes da Garda Civil procederon a identificalo, o home tiña no seu poder máis de 350 cupóns de lotaría falsos que vendía a un prezo de dous euros facéndose pasar por membro dunha asociación de persoas con discapacidade. Pola parte dianteira, os boletos imitaban os dun coñecido sorteo, pero pola pare porterior non figuraban as intrucións para proceder ao seu cobro no caso de acertar coa combinación gañadora, polo que os compradores nunca obterían premio ningún.
A persoa foi identificada e posta a disposición xudicial, pero o caso xa non é novo. O home fora investigado o pasado mes de maio por feitos similares. Daquela, tamén en Becerreá, os axentes incautáranlle ao home máis de 1.600 boletos falsificados que poñía en circulación en actos de grande afluencia coma festas e feiras. Agora o home está a ser investigado polos presuntos delitos de estafa e usurpación de identidade. Con todo, na trama estarían implicadas máis persoas relacionadas coa falsificación e impresión dos boletos.