Identifican o agresor da froiteira da Coruña golpeada por vender produtos cataláns
Publicado o 31/10/2019 14:33
Na Coruña, a Policía Nacional identificou o home que agrediu hai nove días unha froiteira por vender produtos cataláns no seu negocio.
A vítima foi quen de distinguilo nunha roda de recoñecemento. Amais, ela mesma conseguira facerlle unha fotografía ao home co seu móbil e entregóullela aos axentes. Trátase dun coruñés duns 70 anos, veciño da zona do Santo Agostiño, onde aconteceron os feitos. A muller recibiu polo menos dous puñazos que lle causaron unha ferida no nariz.
O caso pasará agora ao xulgado. O home podería enfrontarse, polo menos, a un delito de lesións.