Identifican en Lugo un condutor temerario que se estrelou, feriu un peón e marchou
A Policía Local de Lugo identificou un mozo de 27 anos que presuntamente conduciu de forma temeraria por varias rúas do centro da cidade. Segundo as testemuñas, ía a gran velocidade e facendo manobras perigosas cando foi bater contra unha barreira na rolda da Muralla. A consecuencia do impacto, un viandante quedou ferido, pero, aínda así, o condutor fuxiu do lugar do sinistro.
Eva Real, policía local de Lugo: "Despois de escoitar un vehículo circulando a gran velocidade polas inmediacións das rúas Ramón Montenegro e San Roque, observara que viña de impactar contra o valado peonil da rolda da Muralla, á altura da Porta de San Pedro. O Grupo Operativo Nocturno dirixiuse inmediatamente ao lugar dos feitos, comprobando a veracidade do relatado polo cidadán e identificando un peón que tivo que ser trasladado a un centro médico despois de tratar de evitar que o valado lle caera enriba".
Grazas ás testemuñas presenciais, os axentes non tardaron en dar coa dona do coche. Resultou ser a nai do condutor fuxido, que posteriormente se presentou na xefatura da Policía Local de Lugo.
Eva Real, policía local de Lugo: "Testemuñas dos feitos identificaron a placa da matrícula do vehículo e a cor, e foi localizado, despois de fuxir o condutor, nas inmediacións, concretamente an rúa Montero Ríos. Os compañeiros trasladáronse ao domicilio da propietaria do vehículo, que manifestou que o conducía o seu fillo, que non se atopaba nese momento na casa. Posteriormente presentouse nas dependencias da Policía Local, e tras ser interrogado polos compañeiros do Grupo Operativo de Atestados, manifestou que se ausentara do lugar porque tiña medo de ser denunciado por quebrantar o toque de recollida".
O equipo de atestados instrúe agora dilixencias por un delito contra a seguridade viaria.