CRTVG

Buscar

Identifican en Francia o cadáver dun viveirense desaparecido en 2019

Publicado o 05/03/2021 14:08

O coche de Álex Meitín fora rescatado no porto de Viveiro en decembro de 2019, pero o condutor non estaba no interior do vehículo, que tiña as xanelas baixadas. Tres meses despois, en marzo, apareceu un cadáver na illa de Oléron, na costa francesa, que agora se sabe que corresponde ao desaparecido viveirense. A análise do ADN dos seus restos así o demostra.

Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional en Lugo: "Póñeno a disposición de Interpol para que o distribúa ao resto do mundo, e cando chega á Comisaría Xeral da Policía Científica, cotéxase coa nosa base de datos e comunícase a coincidencia deses perfís. Daquela a comisaría de Viveiro púxose en contacto coa familia e informouna deses resultados. A partir de aí, os familiares teñen que se poñer en contacto coas autoridades francesas".

Unha vez recibida a notificación por parte da policía, a familia do falecido xa iniciou os trámites para que os restos mortais sexan repatriados.

Noticias web

05/03/2021