Identifican 50 persoas nun club de Outeiro de Rei, aberto incumprindo horario e ocupación
A Garda Civil de Lugo tivo que intervir esta fin de semana nun club de alterne de Outeiro de Rei que estaba aberto fóra do horario establecido polas restricións vixentes. Tamén superaba a ocupación permitida
Segundo fontes da Garda Civil, era coñecida xa a impunidade coa que o local abría as súas portas fóra do horario permitido, e esta fin de semana puideron comprobalo. Ás 4 da mañá, na madrugada do sábado para o domingo, axentes da Garda Civil presentáronse no interior do club de alterne e atoparon 50 persoas cando a ocupación máxima permitida é de 32 e ademais estaban incumprindo coas normas hixiénico-sanitarias que establece a pandemia. Non portaban máscaras, estaban consumindo na barra persoas non conviventes e ademais non había un rexistro de control de acceso ao local.
Por outra parte, tamén tiveron que formular varias denuncias por falta de respecto aos axentes da autoridade e a algúns clientes por estar en posesión de substancias estupefacientes. Con todo, a disolución da clientela fíxose con moita rapidez e non houbo máis altercados.