CRTVG

Buscar

Identifican 12 persoas nunha festa ilegal nun local dunhas galerías en Santiago

Publicado o 03/05/2021 15:07

Os veciños e os comerciantes que se atopan nas galerías da rúa Nova de Abaixo, en Santiago de Compostela, levan meses queixándose dun baixo situado no interior e que, segundo aseguran, hai tempo que lles está a xerar problemas. A diario o movemento de persoas que accede ao interior é constante e o ruído de música e o forte olor a cánnabis chegan ata as vivendas e incomoda os donos das tendas de arredor e os clientes que acoden a elas. 

A estas queixas únense as das celebracións de festas ilegais como a que tivo lugar este sábado, que rematou coa identificación de 12 persoas, que foron propostas para sanción por atoparse consumindo drogas e alcol e sen respectar as medidas sanitarias. Os axentes acudiron alertados pola chamada dunha moza que, ao parecer, estaba sufrindo un ataque de ansiedade. Cando chegaron, atopáronse coa celebración. Ante as negativas a deixalos pasar, víronse obrigados a acceder pola forza.

Tamén provocaron desfeitas nalgunhas zonas comúns, e aínda que os comerciantes aseguran non ter conflito con eles, din que están fartos de ter que soportar as molestias que ocasiona este grupo de persoas.