Hugo Mallo, entre tres e catro semanas de baixa
Publicado o 09/10/2020 17:08
O adestrador do Celta queda sen laterais dereitos para recibir ao Atlético de Madrid
Hugo Mallo, capitán do Celta de Vigo, estará de baixa “entre tres e catro semanas” despois de que a ecografía que lle realizaron este venres os servizos médicos do club revelase que sofre “unha rotura fibrilar de grao I no bíceps femoral da súa perna dereita”. Unha lesión que lle impedirá estar ao dispor de Óscar García Junyent para o próximos tres encontros ligueiros que o seu equipo disputará contra o Atlético de Madrid, Levante e Real Sociedade, e é seria dúbida para o choque contra o Elxe no Martínez Valero.
A baixa de Hugo Mallo únese á coñecida de Kevin Vázquez, polo que o adestrador do Celta queda sen laterais dereitos para recibir ao Atlético, o vindeiro sábado ás 16.00 horas en Balaídos.