CRTVG

Buscar

Retiran o último dos vagóns que o Adif guindou ao Sil

Publicado o 10/08/2020 15:27

O leito do río recuperou xa o seu estado orixinal despois dunha longa xornada de traballo. En total recuperáronse 4 vagóns. Tres de mañá e un pola tarde. O último foi o que estaba metido na auga. Numerosos operarios cortárono esta tarde en anacos e fórono subindo ata as vías con dous enormes guindastres. Foi un labor complicado pero con bos resultados. A Confederación Hidrográfica Miño Sil di que o río apenas sufriu contaminación e anuncia unha segunda fase para recuperar a vexetación das beiras.

Os operarios traballaron durante toda a xornada para retirar os vagóns do río Sil. Un labor complicado que fixo precisos dous guindastres e mesmo obrigou a despezar os vagóns para ir retirándoos aos anacos. Pero a restauración do estado natural da zona non remata aquí. 

"Isto daría fin á primeira fase dos traballos. Logo haberá unha segunda fase de restauración do impacto medioambiental e restitución da vexetación deteriorada neste incidente desafortunado", di José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

As tarefas de retirada fanse con medidas de protección para intentar evitar máis danos no río e no medio natural. Afortunadamente, os vagóns ian baleiros, así que a contaminación do río foi menor da prevista inicialmente.

"É unha afección mínima porque os vagóns ian descargados, o material oleico dos rodamentos está intacto, entón a afección máis alá da terra que provocou o arrastre dos vagóns é mínima", apunta osé Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

A Xunta ten en marcha un expediente sancionador contra o ADIF no que propón unha multa de 35.000 euros. Tamén a Fiscalía provincial de Ourense abriu dilixencias de oficio para investigar un posible delito contra o medio ambiente. Pola súa banda, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil iniciou unha investigación da que agarda coñecer os resultados a finais desta mesma semana. 

 

 

Noticias web

10/08/2020