CRTVG

Buscar

España recibe 1,2 millóns de doses de Pfizer para impulsar a campaña de vacinación

Publicado o 05/04/2021 09:18

Nunha semana chegaron a España máis vacinas ca en todo o mes de xaneiro. O mes de abril vai ser o do impulso na vacinación, á que vai contribuír a cuarta vacina, a monodose de Janssen, prevista a partir do día 19. 

Este luns chegará a España unha remesa de 1.200.000 dose da vacina de Pfizer contra o coronavirus, que se sumará a outra partida de máis dun millón de vacinas da farmacéutica AstraZeneca, recibida o pasado xoves e distribuída entre as comunidades autónomas durante as vacacións de Semana Santa.

Aínda que con diferenzas por territorios, a vacinación non parou durante as vacacións. En Euskadi, nestes días festivos, vacinaron dúas mil persoas menores de 65 anos. 

En Madrid, non se vacinaron os maiores de 80 anos nos centros de saúde pero si outros grupos de idade. Houbo enormes ringleiras tanto diante do estadio Wanda Metropolitano coma no hospital Zendal. A partir desta semana, vacinarase tamén no Wizink Center persoas entre 60 e 65 anos. 

En Cataluña superaron o millón de vacinados coa primeira dose. Preto de medio millón xa recibiron as dúas.

En Galicia, segundo o Servizo Galego de Saúde, subministráronse 524.000 doses, e hai xa 354.000 persoas vacinadas nunha primeira fase e á espera dunha segunda dose.

En Ourense, por exemplo, para aproveitar os viais da fórmula AstraZeneca, estaban citadas 216 persoas dos ámbitos laborais penitenciario, docente e das garderías. A previsión é completar a vacinación dos maiores de 80 anos coa primeira dose ata o mércores. Logo continuarán co colectivo de 75 a 79 anos. 

Noticias web

05/04/2021