Hostaleiros de Pontevedra levan a Madrid a solicitude dun rescate para o sector
RescateHostalería é o nome do equipo que forman sete hostaleiros da provincia de Pontevedra que camiñarán xuntos ata Madrid para chamar a atención sobre a ruína que atravesan os seus negocios por mor da pandemia.
Esta mañá despedíanse das súas familias e amigos. Sete deles camiñarán xuntos ata a capital para loitar por uns negocios dos que xa case non poden vivir.
Na mochila levan o alento de todos os compañeiros do sector que os despedían entre aplausos. Camiñarán sós e baixo a ameaza de temporal en toda España, pero sentiron a solidariedade coa súa causa antes de comezar a dar os primeiros pasos.
Outros catro hostaleiros de Pontevedra viaxarán xunto a eles en coches, por se xorden complicacións. Agardan estar en Madrid, diante do Congreso do Deputados, antes da Noiteboa, coa esperanza de seren escoitados e de converter a meta no inicio dun obxectivo, o rescate dos seus negocios.