CRTVG

Buscar

Hostaleiros de Melide avisan das consecuencias que terán as restricións na vila

Publicado o 01/09/2021 14:06

A Xunta pon o concello de Melide ao máximo de restricións a partir das cero horas do sábado. Os datos de catorce días, con 118 pacientes coa infección activa, cifran en preto de 1.600 os casos por cada cen mil habitantes. Coa normativa en vigor, isto implica que a hostalería ten que reducir clientela e só pode servir en terrazas.

Ernesto Pereira, empresario de hostalería en Melide, di que "é indignante. Tiña reservada comida para asturianos que viñan en tres autobuses e agora non poden vir comer aquí".

Pedro Coego, tamén hostaleiro di que van "traballar ao mínimo, ao mínimo. É máis que nada dar un servizo á clientela habitual, porque ao final son dez ou doce persoas que podes ter sentadas".

Sergio Renal, que traballa na hostalería en Melide, asegura que "nós estamos... con moito respecto, estamos tolos, porque nos teñen así. Estamos queimados, queimados. Porque non sabemos que facer".

Pendentes de que se estableza un novo protocolo de funcionamento, na hostalería xorden críticas aos gobernantes. Insisten en que as limitacións aplicadas a esta actividade poñen en risco o mantemento dos negocios.

O hostaleiro Ernesto Pereira afirma: "Hai moita xente que vai ir ao carallo, pero a eles non lles importa, porque como están ben, sentados nos seus asentos e ditando normas que non saben nin o que fan, porque na hostalería non somos os causantes destes problemas".

Por parte da veciñanza, as opinións ante o aumento das restricións tamén son diversas: "Sorpresa non, porque tras as non festas tendo en conta o movemento de xente que hai en Melide en agosto, era previsible", di unha muller. E un melidense di que "non agardaba estas limitacións. Non esperaba que pecharan outra vez dentro, pero...".

No mesmo nivel ao que entra Melide van seguir Monforte e Ordes. En nivel alto haberá desde o sábado 20 concellos. No medio quedarán 41 municipios, entre eles: A Coruña, Lugo, Ourense e Ferrol. Santiago, Vigo e Pontevedra pasarán ao nivel que abrangue a maioría de concellos, o medio baixo.

Noticias web

01/09/2021