Hostalería que resiste a crise con comidas para levar
Á hora do almorzo aínda hai locais que presentan unha longa ringleira de clientes esperando a súa quenda. É un negocio de comidas para levar que puxeron en marcha hai tres anos tres socios con anos de experiencia na hostalería. Co peche dos restaurantes notan máis demanda dos seus menús.
Segundo María Luisa García Singul, copropietaria de Alalimón, "a xente segue traballando, aínda que moitos teletraballan, temos obreiros, comerciais... e a xente non ten o bar para ir comer o menú do día, entón veñen aquí, quentámoslles a comida, dámoslles un coitelo, e cómeno no coche ou na oficina, onde poden".
O segredo está en que preparan todo no momento e fan menús para levar a base de comida caseira, como dí o corpopietario Santiago Alonso.
En Vigo, son moitos os que teñen que comer preto da oficina, da obra, ou que non teñen tempo de achegarse ás súas casas. O peche dos restaurantes fai que opcións coma esta sexan a único xeito que algúns teñen para poder comer.
Os propietarios do establecemento insisten en que son uns afortunados e amosan toda a súa solidariedade cos compañeiros de gremio que tan mal o están a pasar.