CRTVG

Buscar

Hostalería e xeriátricos libéranse de restricións coa fin da emerxencia sanitaria

Publicado o 24/10/2021 19:35

A desactivación do estado de emerxencia en Galicia permitiu desde esta fin de semana que a hostalería e o ocio nocturno quedasen libres de restricións horarias, recuperasen o cen por cento de ocupación e o uso das barras, que bastantes clientes botaban en falta. "Houbo que adaptarse, non quedou máis remedio. Pero a verdade é que estaba moi incómodo e deixei de ir a moitos sitios porque non podía estar na barra", explícanos un deles. "A barra é un complemento. A moita xente antes de ir comer gústalle tomar algo na barra, non vai directa á mesa", dinos o xerente dunha casa de comidas.

Nos xeriátricos, os maiores poden entrar e saír libremente, pero quen os vaia visitar deberá solicitar cita previa.

O que máis nos afasta dos tempos previos á pandemia son as máscaras, aínda obrigatorias se non está garantido o metro e medio de distancia con outras persoas.

Un dos divulgadores sanitarios máis seguidos, o galego Héctor Castiñeira, coñecido polo seu pseudónimo literario Enfermera Saturada, confía en que as poidamos deixar proximamente. "Segundo a incidencia que vexamos, haberá que abrir ou pechar máis a man. Pero eu son optimista e penso que nas próximas semanas, nos próximos meses, iremos esquecendo xa as máscaras e outras medidas, progresivamente", vaticina.

Na Consellería recordan que a evolución dos datos epidemiolóxicos determinará cada quince días que restricións caen ou se hai que volver instaurar algunha.

Noticias web

24/10/2021