Asociacións de hostaleiros recorren ante o TSXG a orde de peche do lecer nocturno
Asociacións de hostaleiros de Pontevedra, A Coruña e Lugo anunciaron a presentación dun recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra a orde que obriga ao peche de establecementos de lecer nocturno.
Segundo confirmaron, a decisión de acudir aos tribunais e recorrer esa orde da Consellería de Sanidade do pasado 14 de agosto débese a que consideran a medida "desproporcionada", e piden deixala sen efecto.
Estas organizacións lembraron que o sector do lecer nocturno "é unha das actividades empresariais e económicas que está a sufrir as peores consecuencias da crise do coronavirus" e lamentaron que se está "proxectando na poboación unha imaxe negativa" da súa actividade.
Así, denunciaron que os están "culpabilizando de boa parte das repuntas" da covid-19, a pesar de que o sector "levou a cabo escrupulosamente todas as medidas sociais, hixiénicas e de seguridade que indicaron en todo momento as autoridades sanitarias".
Por iso, decidiron acudir aos tribunais para reclamar a reapertura dos seus negocios, porque o peche supón unha situación "insustentable" que producirá "perdas económicas irreparables". Ademais, estudarán a posibilidade de levar a cabo mobilizacións.