CRTVG

Buscar

Hostaleiros de Carnota cren que é inxusto o incremento de restricións porque o gromo foi nun 'botellón'

Publicado o 30/06/2021 15:00

"Aos que teñen o virus agora mesmo eu creo que lle quedan 5 ou 6 e a nós péchannos dentro dentro de 3, van saír antes de nós abrir".

Os hostaleiros de Carnota están indignados. Unha vez máis, teñen que pagar os pratos rotos cando son, din, un sector seguro, como xa se ten demostrado.

"Nós temos o exemplo de que o tivemos e grazas a Deus non contaxiamos a ninguén, e tivemos 4 días abertos co covid, porque un tusía, outro tiña mocos e tal, pero ninguén desconfiaba nada ata que fixemos a proba, e si que deu. Aí é sinal de que había seguridade porque tiñas a máscara, porque a xente estaba separada, porque había ventilación", comenta unha hostaleira.

Non poder atender no interior vai levar ao peche do local os que non teñen terraza. "Eu cerrar, porque na miña terraza a ocupación máxima é de 4 mesas e ao 50 % son dúas, entón con 2 mesas eu vou para a casa. Vivo a 10 quilómetros e non vou vir todos os días para estar con 2 mesas á porta", quéixase a propietaria dun bar.

"Creo que xa están para darlle a alta médica a varios deles e agora o sábado pretenden pechar. Isto é acabar coa hostalaría en Carnota, para min", explica unha veciña de Carnota.

Cando xa tiñan pechadas moitas reservas, os hostaleiros empezan xa a recibir as primeiras cancelacións.

"Xa empezaron a chamar onte para anular e mais á mañá, porque é lóxico. Aos botellóns non lles din absolutamente nada. Que sexamos nós os únicos castigados, iso si que me doe", lamenta outra hostaleira.

Noticias web

30/06/2021