CRTVG

Buscar

Hospitalizada unha mariscadora tras caer nas rochas en Baiona

Publicado o 20/07/2020 11:59

Unha mariscadora tivo que ser trasladada de urxencia esta mañá ao Hospital Álvaro Cunqueiro tras sufrir unha caída nunha zona rochosa de Baiona.

Malia que levaba toda unha vida mariscando, un golpe de mar fíxolle perder o equilibrio e mancouse nas costas.

Nada máis chegar ao lugar o equipo de rescate procedeu á inmobilización da muller e subiuna nunha padiola ata o helicóptero que a trasladou ata o hospital Álvaro Cunqueiro.

María Luisa González, percebeira compañeira da ferida, dixo que foi un golpe de mar o que lle fixo perder o equilibrio e golpearse nas costas.

O grupo de Emerxencias do Val Miñor, axudados pola Policía Local e a Garda Civil de Baiona, intentaron evacuala despois de que os sanitarios dunha ambulancia de soporte vital básico avaliase o estado da muller pero ao tratarse dunha zona rochosa de difícil acceso fíxose necesaria a intervención do helicóptero de rescate.

A muller, de 57 anos ingresou consciente. As primeiras informacións apuntan a que sofre un traumatismo lumbar.