CRTVG

Buscar

Hospitais, estacións de servizo ou cafeterías marcan o 25 de decembro como laborable no calendario

Publicado o 25/12/2020 14:56

As ambulancias non deixan de circular en Nadal. Traballa o persoal de emerxencias, os profesionais da cociña, da limpeza e toda a maquinaria humana dun hospital. E aínda que no ano da pandemia esa circunstancia quizais sexa máis visible, os traballadores da sanidade están afeitos a que o 25 de decembro sexa laborable no seu calendario, e tentan levalo o mellor posible. Pablo Sarasquete, médico adxunto de Urxencias do CHUS, explica que "este ano, como temos que estar na casiña, probablemente sexa un dos que menos nos custou vir... a mañá é bastante suave, ao mediodía polas comidas familiares a xente tampouco vén e ao longo da tarde é cando se nos empeza a acumular o traballo".


A sanidade non para. Pero non é o único sector que traballa en Nadal. Porque esa mobilidade da que tanto se fala estes días non sería posible sen combustible. Desde primeira hora, estacións de servizo como esta enchen depósitos sen tregua. "Cando iamos abrir xa había xente facendo ringleira, moita actividade", di Evelyn Bulmini, empregada da estación de servizo dos Ánxeles, en Brión.


Tamén a hostalaría traballa nesta xornada. Co duro que está sendo este 2020 para o sector, non poden permitirse desperdiciar unha xornada de Nadal. "É un día máis que temos que levar dentro da nosa profesión, á que nos debemos", di Manuel Serramito, encargado dun negocio de hostalaría, que cre que "ao ter que estar pechados, a xente parece que ten ganas de saír e temos máis actividade".


Farmacias, persoal de coidados, forzas de seguridade ou medios de comunicación tampouco paran o 25 de decembro.

Noticias web

25/12/2020