Guitiriz homenaxea unha trapeira que leva 70 anos á fronte do negocio
Rendida homenaxe en Guitiriz á súa veciña Sara Veres, de 94 anos, bordadora e fundadora da primeira mercería da súa vila. Abriu en 1950 e mantense aberta aínda hoxe.
A Sara atopámola na mercería que hoxe atende a súa filla, pero que puxo en marcha hai setenta anos. Ocupa un lugar principal, e xunto a ela, a máquina de coser en que tantas horas pasou e aínda utiliza. Comezou a bordar moi nova e cando se lle ofreceu a posibilidade de montar o seu propio negocio non o dubidou.
Recolleu a proposta que lle fixo a súa veciña e ao tempo que atendía a mercería aprendeu a moitas rapazas da contorna a bordar.
Hoxe recibe a homenaxe sinxela dos seus veciños, nun acto impulsado pola asociación Leira dos Soños, que distingue o traballo humilde de trapeiros coma ela.
No mesmo acto, a escritora Marica Campos tamén foi distinguida pola asociación Nova Poesía Guitirica polo seu vencellamento con Guitiriz.