CRTVG

Buscar

Homenaxe a Carvalho Calero da RAG que terá continuidade en outubro

Publicado o 17/05/2020 14:44

Foi unha homenaxe marcada por estes tempos da excepcionalidade relacionados co coronavirus. A Real Academia Galega lembrou hoxe a figura de Ricardo Carvalho Calero cun tributo simbólico, consistente nunha ofrenda floral, un anticipo do acto académico que terá lugar o 31 de outubro en Ferrol, data á que se trasladou este ano a verdadeira celebración do Día das Letras Galegas.

A ofrenda, na que soou a gaita tocada por Susana Seivane, realizouse diante do que foi o domicilio de Carvalho Calero durante moitos anos, na rúa da Carreira do Conde de Compostela. Alí residiu, sendo xa catedrático de Lingüística e Literatura Galega na Universidade de Santiago, un autor de proxección multixenérica, con obra nos eidos do ensaio, a narrativa, a dramaturxia e a poesía. Precisamente esta última vertente, a poética, foi protagonista hoxe coa lectura duns versos do autor nado en Ferrol.

"Da man dos seus traballos sobre a lingua galega viaxamos pola historia deste país, dende o esplendor dos anos medievais ata os períodos duros, dificiles, de decadencia. Algúns deles tocoulle a Carvalho Calero vivilos", sinalou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. Precisamente, a Real Academia Galega mantén un tributo a Carvalho na rede ao longo do ano, que inclúe distintos portais na súa web. Neles aparecen atractivas actividades para cativos e público adulto con contidos descargables, así como entrevistas dixitais ou achegas diversas sobre a súa obra filolóxica e literaria. Como xa anticipara a Academia, trátase dun 17 de maio para vivir activamente a través da Internet.

A cita académica adiada para o 31 de outubro no teatro Jofre de Ferrol vai coincidir co cento dez aniversario do nacemento de Ricardo Carvalho Calero, un autor que permenece no imaxinario cultural galego como o que máis decididamente tendeu pontes cara á outra beira do Miño, co mundo da lusofonía.

Noticias web

17/05/2020