CRTVG

Buscar

'O que de verdade importa', historias persoais que inspiran a reflexionar

Publicado o 28/05/2021 15:11

O coronavirus alterou a nosa vida, cambiou a nosa maneira de interactuar cos demais e mesmo chegamos a sentirnos máis vulnerables. Caemos no abismo, na incerteza e mesmo no medo, pero "cada día que pasa é un día menos do malo". É a mensaxe de Alejandro Gómez, Tuco, como quere que lle chamen. Aos seus 33 anos, a este empresario e pai de familia detectáronlle un cancro e unha esclerose múltiple, pero nada disto o fai decaer do seu proxecto de vida: ser feliz.

Segundo afrontemos a vida, cambia todo tanto en enfermidades como en problemas anímicos. A actitude é o que che fai cambiar todo, asegura Alejandro Gómez. Alejandro recoñece que nesa actitude positiva tamén hai días malos, pero para seguir adiante é preciso aprender deles, como lle aconteceu a Antonio. Dende cativo sempre quixo ser reporteiro de guerra, un soño, que se converteu en pesadelo durante os 299 días que estivo secuestrado en Siria.

"Nunca perdín a esperanza nunca perdín a fe, sempre tiven a ilusión de volver a ver a miña familia... e eses soños tamén me axudaron a saír do secuestro con ilusión e con moitos máis soños", asegura o xornalista Antonio Pampliega. Ante este ano convulso, Antonio di que todos somos verdadeiros reporteiros de guerra.

Todas as cousas que nos afectan, todas as cousas que vemos sempre nos dan ferramentas para intentar sobrepoñernos. A través das súas experiencias Antonio e Alejandro responde á chamada da fundación María Jove para facernos poñer a ollada no que realmente importa, porque a vida, xa se sabe, sempre é demasiado curta.

 

Noticias web

28/05/2021