CRTVG

Buscar

Helena Candia, reelixida presidenta provincial do PP de Lugo

Publicado o 19/09/2021 18:44

Helena Candia foi reelixida este mediodía presidenta provincial do Partido Popular de Lugo co 98 % dos votos dos participantes no congreso da formación. Na clausura, Alberto Núñez Feijóo afirmou que só os populares poden ofrecer gobernos provinciais e municipais unidos e libres de liortas internas.

O mandatario galego di que o PP de Helena Candia é o único que lles pode dar aos 67 concellos da provincia de Lugo proxectos sólidos e ilusionantes con gobernos de maiorías que non fan oposición interna a si mesmos. Criticou o desacordo dos socialistas galegos para decidir quen vai ao congreso federal e tamén as dúbidas de Ana Pontón de se seguir á fronte do Bloque.

O presidente do PP de Galicia di que a Xunta é a Administración autonómica que máis apoia os consumidores vulnerables á suba do prezo da luz. Coida que o Goberno central responde ao encarecemento do recibo con parches que non resolven o problema. Sobre a factoría de Alcoa na Mariña, parécelle que se estivese nunha provincia catalá ou vasca seguramente xa tería o futuro asegurado.

Noticias web

19/09/2021