Hai 40 anos da incorporación da muller á Policía Nacional
+A Dirección Xeral da Policía Nacional celebra este ano o 40 aniversario da chegada das primeiras mulleres ao corpo. Era o 1979 e daquela foron 42 as que entraron en toda España. Agora hai case 10.000, un 15% do cadro de persoal. Lula Barrio é unha das máis veteranas da comisaría de Santiago. "Nunca vivín rechazo, pero especie rara si que eras. Ti chegabas a unha cidade e a xente toda dicía 'unha muller de uniforme' algo raro"
A Lula gústalle estar en contacto coa cidadanía pero é consciente que ás veces ás rúas son territorio hostil, sobre todo para as mulleres, aínda que sexan policías: "Fun muller en moitos conceptos pero hai algúns que inevitablemente os masculinicei. Porque estás traballando nun corpo que entre comiñas é masculino e tes que adaptarte a iso tamén. Ti chegas á rúa e cando te atopas cun tío así, tes que porte noutra pel diferente, non podes tirar adiante como unha muller 'pobriña de min que vou un pouco máis frouxa' non, non aquí somos todos iguais, imos todos a todo e tes que masculinizarte un pouco porque senón a rúa cómete"
Beatriz é unha das 954 mulleres que se preparan na academia de policía de Ávila. Agora está facendo as prácticas en Santiago. Agradece consellos pero sobre todo agradece o inmneso labor feito polas mulleres durante estes 40 anos. "Seica ao principio, as compañeiras de hai moitos anos, cando realmente as primeiras mulleres que se incorporaron ao corpo si que tiveron bastantes obstáculos e temos que estar orgullosas porque tiveron que loitar por poder levar a cabo con liberdade a profesión que elixiron pero a nós abríronnos o camiño totalmente, e a día de hoxe creo que está moi avanzado".
Dende que comezou as prácticas, Beatriz nunca tivo a sensación de estar nun mundo de homes, nin de distintas aptitudes nin de diferentes oportunidades: "Por suposto que temos as mesmas aptitudes, podemos desenvolver este traballo igual de ben que un home, non hai ningún tipo de problema. Dende que entrei no cadro de persoal, aquí, facendo as miñas prácticas deime conta de que o que che inculcan é que somos un equipo, traballas como un equipo e ti es unha máis dese equipo"
Lula e Beatriz forman parte de distinta xeración, non comparten formación académica e malia todo as dúas teñen claro que ser muller non pode ser un obstáculo pero tampouco un trampolín. Loitan por un mundo en que homes e mulleres teñan simplemente as mesmas oportunidades.