CRTVG

Buscar

Guillerme de Inglaterra ocultou que contraeu coronavirus en abril

Publicado o 02/11/2020 14:12

O duque de Cambridge contraeu o coronavirus en abril, pouco despois do seu pai. Pero a diferenza do príncipe Carlos, o seu fillo non fixo público o seu positivo. Eran os peores días da primeira onda da pandemia no Reino Unido, co primeiro ministro ingresado na UCI, polo que o príncipe Guillerme optou por agochar a enfermidade para non aumentar a preocupación, e continuou traballando dende palacio.

Con todo, os medios británicos aseguran que o segundo na liña de sucesión padeceu problemas respiratorios que foron atendidos polos seus médicos.

Hai un par de semanas o príncipe Guillerme acompañaba a raíña Isabel no primeiro acto público da monarca dende o mes de marzo. Nin avoa nin neto levaban máscaras.

Tampouco a usou nunha celebración do Oktoberfest en Mónaco o príncipe Alberto, o primeiro membro dunha casa real que anunciou positivo por Covid. Nun vídeo pode verse canda unha multitude sen medidas de protección, o que lle ocasionou críticas e acusacións de irresponsable.

Non é a primeira vez que o coronavirus pon nun apuro unha familia real. Guillerme e Máxima de Holanda desataron a polémica tras marchar de vacacións a Grecia cando o seu país entraba nun confinamento parcial. Tras as críticas tiveron que regresar aos Países Baixos e gravaron unha mensaxe de desculpa pola súa imprudencia.

Noticias web

02/11/2020