CRTVG

Buscar

Guaidó regresa a Venezuela desafiando a ameaza de detención

Publicado o 05/03/2019 08:56

De volta en Venezuela, o líder da oposición, Juan Guaidó, promete seguir loitando contra o chavismo. Hoxe ten previsto reunirse con sindicatos e funcionarios e convocou novas mobilizacións na rúa. De momento, nin Fiscalía nin o Supremo adoptaron ningunha medida tras o seu regreso ao país. 

Desafiando a ameaza dunha detención, Juan Guaidó regresaba a Venezuela vía aeroporto de Maiquetía. Embaixadores europeos, entre eles o español, acudiron para franquealo e evitar que tivese problemas.

Polas rúas de Caracas, milleiros de seguidores acudiron ao seu chamamento para reavivar a presión contra o chavismo.

"Ameazáronnos a todos os que estamos aquí, con cárcere, coa morte. Dígolles algo. Non foi a través da persecución, non vai ser a través da ameaza que nos van deter. Aquí estamos e estamos máis fortes e unidos ca nunca", dixo Guaidó.

Cun novo chamamento ás Forzas Armadas, o líder da oposición prometeu seguir loitando ata lograr a caída de Maduro. Hoxe vaise reunir con sindicatos e traballadores públicos e para o sábado convocou unha nova manifestación nas rúas de Caracas.

Ata o momento, nin a Fiscalía nin o Supremo se pronunciaron sobre o regreso de Guaidó. Desde o chavismo, quen si falou foi a vicepresidenta, Delcy Rodríguez, de visita en Rusia. Dixo que as institucións venezolanas seguirán preservando o estado de dereito no país. Hai uns días, Maduro advertía.

"El pode entrar e saír, pero terá que ver a cara da xustiza. Porque a xustiza tíñalle prohibido saír do país. Debe respectar as leis. Eu pregunto. Calquera cidadán dos Estados Unidos, desde Donald Trump a Barack Obama, están por enriba das leis?", dicía Maduro. 

Respondeulle a administración Trump. Isto escribía en Twitter o vicepresidente Mike Pence: "O regreso de Guaidó é da maior importancia para os Estados Unidos. Calquera ameaza, violencia ou intimidación contra Guaidó non será tolerada e será respondida de xeito rápido".

Desde o Goberno de Maduro insisten en que non van caer en provocacións. O último chío do presidente é para invitar os venezolanos a gozar do Carnaval.

Noticias web

05/03/2019