CRTVG

Buscar

Guaidó ordénalle ao exército que deixe entrar a axuda humanitaria

Publicado o 06/02/2019 20:43

Un camión cisterna e dous colectores bloquean a ponte Tienditas, unha infraestrutura fronteiriza entre Colombia e Venezuela aínda sen inaugurar. Segundo un deputado opositor da rexión, colocounos o exército venezolano para impedir a entrada de axuda humanitaria ou facerse con ela. Juan Guaidó pasou de apelar á humanidade do exército para que a deixen pasar a darllles, dixo, unha orde directa.

"De novo, ás Forzas Armadas, unha orde directa neste momento: permitan que entre e que ingrese a necesaria axuda humanitaria", dixo Guaidó.

Nun encontro con produtores agropecuarios, Guaidó negou que o proceso de transición política que lidera se estea freando.

"Este proceso que emprendemos é irreversible, ten moitos anos de construción e segue adiante", afirmou o presidente da Asemblea Nacional de Venezuela.

Guaidó segue acadando apoios internacionais. Irlanda sumouse á vintena de países europeos que o recoñecen como presidente de Venezuela. E unha delegación opositora entregou na embaixada de Italia, país que aínda non o fixo, unha carta pedíndolle ao Goberno de Salvini e Di Magio que revisen o seu posicionamento.

Noticias web

06/02/2019