A fronteira con Francia, colapsada pola acción de grupos independentistas
A plataforma Tsunami Democràtic inicia tres xornadas de protestas que arrancaron a primeira hora co corte da AP-7. O tráfico na fronteira con Francia está cortado en dous puntos, tanto en territorio español como francés. Hai unha hora a policía francesa comezou a retirar con guindastres os coches que estaban interrompendo a circulación. Nese punto os manifestantes instalaron barricadas, latrinas móbiles e un escenario en que prevén realizar concertos e intervencións. Os cortes na autoestrada deixan atrapados centos de camioneiros, traballadores e turistas. Os mossos están desviando o tráfico á estrada N-II, onde se están rexistrando ringleiras de ata 18 quilómetros.
Numerosos vehículos bloquean o paso fronteirizo e a plataforma independentista Tsunami Democràtic fixo un chamamento a través da súa aplicación e redes sociais para que se sumen outros vehículos e persoas á acción.
Baixo o lema "Todo o mundo á Jonquera", a través das redes sociais Tsunami Democràtic asegura que "coa axuda dos compañeiros da Cataluña Norte, puidemos cortar os dous sentidos da marcha da AP-7 no punto fronteirizo".
"Agora mesmo, facemos un chamamento xeral a ir ata a fronteira, con coche ou sen", indica Tsunami Democràtic nas redes sociais, unha acción á que se sumaron os Comités de Defensa da República (CDR).
O obxectivo da mobilización, aseguran, é que a comunidade internacional "faga entender" a España que "o único camiño é sentar a falar" para negociar unha solución ao conflito en Cataluña.
Os manifestantes dispuxeron un escenario de grandes dimensións no mesmo punto fronteirizo, en sentido a España, con altofalantes, sen que polo momento se anunciase o uso que terán.
Mentres, en dirección a Francia instaláronse barricadas con material de obra.
Tanto na parte española como na francesa hai unha forte presenza policial que non actuou polo momento.
O pasado venres, Tsunami Democràtic anunciou que preparaba a súa "acción máis ambiciosa" para xusto despois das eleccións do 10-N: "Preparémonos para un 11-S de tres días", sinalou nun comunicado, en alusión á mobilización independentista de cada 11 de setembro, Diada de Cataluña.
A plataforma que promoveu o colapso dos accesos ao aeroporto do Prat o pasado 14 de outubro, día en que se deu a coñecer a sentenza do procés, instou o venres os independentistas que seguen as súas convocatorias a través das redes a que solicitasen "festa" no traballo polo menos un día entre este luns e o vindeiro mércores.
Os transportistas quéixanse da "pasividade" do Goberno
A Confederación Española de Transporte de Mercadorías sinalou que "unha vez máis observa perplexo" como o Goberno "non se toma en serio" os seus avisos sobre bloqueos como o ocorrido este luns na autoestrada AP-7, na Jonquera (Xirona), por manifestantes que protestan pola sentenza do 'procés'.
A patronal reitera que os transportistas volven estar bloqueados e sen posibilidade de realizar a súa actividade "con normalidade, co custo económico e social que isto supón".
Engade nunha nota que "os únicos" que lle dan ao transporte a importancia que ten como motor da economía son os Comités de Defensa da República (CDR), "que saben o dano que ocasionan bloqueando as estradas cada vez que teñen ocasión".