CRTVG

Buscar

A venda de Alu Ibérica colle por sorpresa os traballadores e as administracións

Publicado o 15/04/2020 22:24

Xiro sen preaviso en Alu Ibérica, propietaria da factoria da antiga Alcoa da Coruña. O grupo Parter Capital, que comprara as plantas da Coruña e de Avilés hai menos dun ano, vendeulle o 75 % a un fondo con sede en Ucraína, de nome Industrial Riesgo. E risco é o que menos precisan os traballadores. A operación pechouse hai un mes, sen que o soubera nin o comité nin o Goberno, que no seu día mediou na compra. O novo propietario asegura que vai reactivar as instalacións e preservar os postos de traballo, que Parter se comprometera a manter dous anos.

Grupo Industrial Riesgo adquiriu a maior parte do paquete accionarial de Alu Ibérica, a nova propietaria das antigas plantas de Alcoa na Coruña e Avilés (Asturias), co obxectivo de impulsar a actividade destas instalacións industriais. Nun comunicado, Alu Ibérica sinala que Parter Capital, o fondo de investimento suízo que adquiriu estas plantas a Alcoa para asegurar o futuro da súa actividade tras a retirada da multinacional estadounidense produtora de aluminio, decidiu integrar a Grupo Industrial Riesgo como socio "estratéxico".

Esta entrada no capital levouse a cabo coa intención, aseguran, de elaborar un novo plan de desenvolvemento a longo prazo, que inclúe accións inmediatas no campo dos investimentos que necesitan estas plantas de produción. "Grupo Industrial Riesgo posúe unha probada experiencia en xestión empresarial e está altamente capacitado no sector industrial, en que acometeu con éxito importantes proxectos, e iso aválao para afrontar e superar o difícil momento que está a atravesar Alu Ibérica", defende o grupo.

A idea deste conglomerado de empresas é reindustrializar ambas as plantas; aseguran que o seu obxectivo é garantir o mantemento de todos os postos de traballo, tanto en Galicia como en Asturias, sobre todo ante a actual situación xerada pola crise do coronavirus. A finais do pasado mes de marzo, o grupo decidiu paralizar a súa produción de aluminio nestas instalacións, en resposta ao decreto aprobado polo Goberno que ordena o peche de toda actividade non esencial para evitar a propagación do coronavirus. Con todo, Alu Ibérica retomou o pasado venres a actividade para volver operar con normalidade, aínda que "seguindo un estrito protocolo de prevención e minimizando o número de persoal nas fábricas".

Os representantes dos 328 traballadores da Coruña e dos 286 de Avilés denuncian a falta de transparencia desta operación e piden explicacións ao Ministerio de Industria.

Industria asegura que descoñecía a operación 

A Secretaría Xeral de Industria asegurou este xoves que non tiña coñecemento ningún da operación de compravenda de Alu Ibérica. O presidente do comité de empresa de Alu Ibérica da Coruña, Juan Carlos Corbacho, asegurou que a adquisición da maioría das accións das factorías por parte do grupo industrial Riesgo se levou a cabo "sen ningunha transparencia" e esixiu "explicacións" ao Ministerio de Industria, pero o Goberno di que non ten información.

"O único contacto que mantivo a Secretaría Xeral de Industria con Parter data de finais de febreiro, e nese contacto a compañía informou de que estaba a realizar xestións con futuros socios para reforzar o capital e desenvolver futuros proxectos de investimento", engaden. Ademais, aseguran que ningún responsable do Grupo Riesgo se puxo en contacto coa Secretaría Xeral de Industria para informar de operación.