Grecia vota e as sondaxes agoiran o relevo de Tsipras no poder
Grecia vive hoxe unhas eleccións xerais decisivas para determinar o seu rumbo, nas que Syriza, o partido no poder de Alexis Tsipras, se sitúa con clara desvantaxe nas enquisas fronte á dereita tradicional de Nova Democracia.
Todas as sondaxes agoiran que o tempo no poder de Tsipras chegou á súa fin despois de superar o terceiro rescate financeiro da Unión Europea. Kyriakos Mitsosakis, de Nova Democracia, parte con entre dez e quince puntos de vantaxe e preséntase a estes comicios cun lavado de cara reformista nun partido de clara orientación conservadora.
Aínda que o país volveu á senda do crecemento, as clases medias e os xubilados pagaron a factura da troika comunitaria cunha baixada moi importante da súa capacidade adquisitiva e ese factor é determinante na baixada de popularidade de Tsipras.