CRTVG

Buscar

'Grazas por elixir Galicia', unha nova campaña para reactivar o turismo rural

Publicado o 05/10/2020 14:26

A pandemia da covid-19 fai que moitas persoas elixan o turismo de natureza, sen aglomeracións. Por iso a Asociación Galega de Turismo Rural e a Axencia Turismo de Galicia puxeron en marcha unha nova campaña. O obxectivo: dar a coñecer o potencial da comunidade como destino natural e sustentable.

Adentrarse na Galicia interior permite atopar xoias como a igrexa románica do século X, situada en Barbadelo, no concello de Sarria. Co obxectivo de dar a coñecer lugares coma este e promover Galicia como destino natural e sustentable, Agatur e a Axencia Turismo de Galicia poñen en marcha unha nova campaña dirixida aos usuarios de establecementos rurais.

Juan Luis López, presidente da Asociación Galega de Turismo Rural (AGATUR), explica que a campaña se centra en dúas liñas de actuación: descubrir os xeodestinos de Galicia e achegarse aos segredos das vilas galegas.

Así, as persoas que pasen a noite nalgún establecemento rural galego serán premiadas con visitas guiadas por diversos roteiros naturais, e tamén visitas a localidades galegas, así como a adegas, obradoiros de artesanía ou museos. Trátase de promover os produtos de proximidade e crear sinerxías entre os diferentes axentes do sector turístico.

Unha iniciativa que pretende reactivar o turismo galego en tempos de pandemia, abrindo a porta a unha Galicia natural, afastada do turismo de masas.

Noticias web

05/10/2020