Graves perdas para gandeiros da Barbanza e de Guitiriz polo aumento dos ataques dos lobos
Gandeiros de Guitiriz piden que se autoricen batidas. Nese concello lugués, en menos dunha semana, nunha mesma explotación, os lobos mataron tres xatos. Tamén na comarca do Barbanza levan tempo denunciando perdas de gando. Dous cabalos máis acaban de aparecer mortos nun monte de Lousame. Na zona din que o número de lobos e de ataques se multiplicaron no último ano.
Antonio García, gandeiro: "Eu perdín este ano 18 tenreiros, crías de besta xa non sei, xa non sei nin as que pariron, que non quedou ningunha. Hai tres anos tiña 94 cabras, que están apuntadas aí no libro. Agora mesmo teño 41".
Enrique Laranga Pouso, secretario da Asociación de Gandeiros da Zona Norte do Barbanza: "Isto, dun ano para aquí, isto multiplicouse por cinco ou por dez. Xa se empeza a matar nos cabalos grandes e no gando grande".
Os últimos, dous dos seus cabalos, aparecidos mortos, a menos de cen metros, no monte de Camboño, no concello e Lousame. Do aumento dos ataques e do número de lobos quéixanse gandeiros de distintas zonas da Barbanza.
Álvaro Castro Laíño, gandeiro: "Non pode haber catro ou cinco, aquí ten que haber moitísimos lobos".
Manuel Blanco Rodríguez, gandeiro: "O outro día viron nove xuntos".
Enrique Laranga Pouso, secretario da Asociación de Gandeiros da Zona Norte da Barbanza: "O lobo non é compatible co gando, non hai corzos, non hai cervos... Nós non estamos en contra de que haxa lobos, pero ou ten que haber unha poboación controlada ou terán que buscarlles un sitio ideal, outro".
Non todos consideran que sexa a solución as batidas, pero que as autoricen, amais de máis medidas, si as reclaman outros gandeiros, como no municipio lugués de Guitiriz. Nestes prados dos Vilares, en menos dunha semana, dous ataques e tres xatos mortos. Con cada morte, o propietario di que perde, mínimo, entre 1.000 e 1.400 euros.
Julián Rego, gandeiro: "No meu caso, os lobos, en só dous anos, mínimo matáronme sete xatos. E só din parte de dous. Porque non é viable, porque che fan ir a Lugo e facer unha chea de papelame. A primeira vez que dei parte hai xa tres anos e aínda non recibín contestación ningunha, nin que me ían dar nin que non nin nada. Se non tomas medidas, as administracións, en dous os tres anos, os gandeiros que temos o gando en extensivo en Galicia, teremos que pechar. Ao final, non nos dan nada".